Description

Hai un tempo chegou a nós un “ chuchillo” común que aparecera vagando sen rumbo por unha aldea. Non era nin grande nin pequeno, nin novo nin vello, de ningunha raza ou un pouco de todas, dende logo tiña todas as papeletas para converterse nun habitante permanente do refuxio, un invisible cara ao que a xente mira pero ninguén ve.

Ademais era un animal cun comportamento algo estraño, errático, máis perdido e asustado do normal. Tardamos algo en darnos conta de que ese pobre can tan potencialmente invisible era ademais totalmente cego. Os seus dous ollos estaban irremediablemente perdidos, o diagnóstico foi: cataratas, desprendemento de retinas, corneas opacas e glaucoma. Un deles non lle molestaba pero o outro lle doía terriblemente e foi necesario extraerllo. Bautizámolo como Topo e comprometímonos con el a ser os seus ollos, a levalo da man, velar pola súa seguridade e, no posible, apartarlle do camiño os obstáculos que puidesen facerlle caer.

Os primeiros días asustábase cando lle tocabamos, non nos coñecía nin podía saber cal era nosa intención, podiamos querer facerlle dano e el sabíase moi indefenso. Pero os seus receos pasaron e entregouse totalmente, puxo a súa vida nas nosas mans, sabe que lle queremos ben e esfórzase por confiar, é reconfortante pero tamén unha gran responsabilidade. Non nos gusta prometerlles nada que sexa moi probable que non podamos cumprir, así que non lle prometemos que lle atoparemos un fogar apropiado para el, só que o tentaremos, e niso estamos…

Topo é un animal que provoca unha tenrura infinita, tan decidido que segue adiante a pesar de non saber onde vai, tan valente que tropeza e segue andando sen unha queixa. Como un neno pequeno que comeza a andar e a pesar de caerse mil veces reacciona con ese xesto orgulloso de “deixádeme só que eu podo!”.

Topo non é consciente de ter ningunha discapacidade, el está perfecto, é o mundo o que está raro e non anda ben. E poida que teña razón, os seus ollos xamais poderán vernos pero o seu corazón venos perfectamente. E vós, podedes velo ou será certo que está condenado a ser outro can invisible máis?

Sexo:

Macho

Tamaño:

Mediano

Edad:

Adulto

Esterilizado:

Si