Description
Apio chegou ao noso refuxio xunto a outros 3 cans dun terrible caso de amontoamento nunha casa dun pobo de Pontevedra. Unha casa cuxos donos, querendo axudar a cans que se atopaban abandonados, acabaron xuntando baixo o seu teito a ao redor de 70 animais nunhas condicións hixiénico-sanitarias espantosas.
Apio entrou aterrado, apenas deixaba que ninguén se achegase, escapando a cada mínimo achegamento e sobresaltado con cada ruído e movemento. Non foi fácil facerlle ver que o refuxio era un sitio seguro, e aínda que queda moitísimo camiño por percorrer, hoxe é un can feliz en APADAN.
Pero o refuxio non debería de ser nunca unha opción para un can como Apio, e aínda que sabemos que lle custará moito confiar nos descoñecidos, non perdemos a esperanza de que un día chegará unha persoa paciente e especial que saiba entendelo.