Description
Gru quedou orfo xunto a outros cans que con el vivían cando o seu dono faleceu. Fisicamente non estaban desatendidos, pero nunca saíran da leira onde vivían e a súa falta de socialización coas persoas era importante.
De todos eles, Gru é dos máis noviños e goza dunha saúde estupenda. Cando chegou ao refuxio apenas deixaba que nos achegásemos a el, todo lle daba medo e tantas cousas novas bloqueábano. Tardamos meses en poñerlle unha correa, cada vez que o tentabamos escondíase nalgún berce ou nos dicía, á súa maneira, que tiña moito medo. Pero día tras día, con paciencia e sen présas, conseguimos que este mozo empezase a confiar, e tan pronto empezou a saír aos paseos, cambiou radicalmente.
Neste momento, Gru segue sendo un can medorento e con moitas inseguridades, pero deixa que o acariñemos amodo, e alégrase moito cada vez que chegamos ao refuxio. Aínda queda traballo de socialización, pero o paso máis importante xa o demos, chegou a quenda de que algunha persoa se fixe nel e termine de arranxar a desfeita emocional que este pequeno sufriu. Non é un can para persoas impacientes, nin para unha casa con nenos ou moito movemento, pero nas mans adecuadas, estamos seguras de que moi pronto será o compañeiro máis faldeiro que se coñeceu xamais.