Description

Hai miradas máis elocuentes que a máis elaborada das explicacións. E a Scully bástalle unha mirada para dicilo todo. Esta cadeliña, mestiza de can de augas, é sen dúbida una das criaturas máis guapas, máis tenras, máis inocentes e boas de todo o refuxio. É todo corazón, pero un corazón ao que fixeron dano e que agora xa non se atreve a ofrecer por se llo volvesen a esnaquizar.

Scully foi recollida abandonada fai xa un par de anos. Estaba atada a unha árbore no medio dun monte xunto con outro can moi parecido a ela, chamado Mulder, e os seus 4 cachorros recentemente nados metidos dentro dunha caixa. Quen foi capaz de perpetrar semellante barbaridade non merece que perdamos nin un minuto do noso tempo en asignarlle cualificativos porque se describe só.

Cando chegou a nós, Scully parecía sociable e valente, pero o seu valor non o gardaba ela, confiárallo ao seu compañeiro Mulder e residía nel. Así que cando Mulder atopou familia levou consigo o delicado corazón e o fráxil valor da pequena Scully. Connosco é tan entregada, alegre e agarimosa que parece unha cadela-lapa. Pero cando llo contamos a algún visitante do refuxio crernos convértese nun acto de fe, porque ás persoas coas que non ten trato o único que lles deixa ver nela é a unha cadela extremadamente tímida.

Scully é unha xoia, fráxil como unha figuriña do máis delicado cristal, pero cálida e tenra como só pode selo alguén que sufriu. Non hai no mundo criatura máis doce, boa e inocente que ela. Un pequeno anxo carente de calquera tipo de malicia ao que lle arrincaron cruelmente as ás.

Sexo:

Hembra

Tamaño:

Mediano

Edad:

Adulto

Esterilizado:

Si