Description
Thor ten nome de deus nórdico ou heroe de Marvel, pero en realidade non é máis nada que un “neno” pequeno. Que non che engane o seu tamaño, pódese ser un bebé a pesar de usar a talla XXXL.
Antes de chegar a nós, este mastín espectacular vivía atado a unha árbore, pero iso non condicionou en nada o seu carácter. É o can máis inocente, cariñoso, agradecido e bo do mundo enteiro. É alegre, saltarín, entusiasta, xoguetón, afectuoso, cálido e atento. Basta con devolverlle a mirada, aínda que sexa de lonxe, para que se volva tolo de contento porque lle estás facendo caso. O mundo, visto cos seus ollos de xigante amable, é un lugar rebosante de cor e marabillas. Dá moitísima pena ver vivindo nun refuxio a un animal que brilla con tanta luz. Nada hai máis triste que non permitir a un paxaro usar as súas ás.
Thor é extraodinariamente nobre, e inocente como un neno mozo. Non hai nin chisco de malicia nel, pensa que todos somos bos e que cada persoa descoñecida é un novo amigo por descubrir. Todo nel é enorme, pero o seu corazón é sen dúbida o máis enorme de todo.