Description
Vania e súas dúas irmáns, Maika e Castaña, foron rescatadas do caso de maltrato animal de Rianxo a principios do 2013. Alí, máis de 30 cans malvivían nunhas condicións terribles, os seus propietarios foron denunciados e, grazas á colaboración de varias protectoras galegas, foron acollidos nas distintas instalacións.
As tres chegaron a APADAN en estado de shock, cun medo enorme ás persoas, pero co paso dos días foron collendo confianza en nós ata chegar a vivir contentas no noso refuxio. Castaña morreu en APADAN e Maika fai un tempo que vive cunha estupenda familia, pero a Vania están a pasarlle os anos no refuxio.
Aínda que superou moitos dos seus medos, Vania é unha cadeliña bastante tímida con descoñecidos. Cando colle confianza é outra cousa: é doce e mimosa como ningunha, pide agarimos e que lle rasquen a barriga todo o día, sae de paseo e non se despega do teu lado… un diamante en bruto aínda por descubrir.