Description
Se tivésemos que definir a Witch en dúas palabras, estas serían “xenio e figura”. Esta mini pinscher de orellas puntiagudas chegou ao noso refuxio para dominalo absolutamente todo, incluído a todo o persoal humano! Canto traballo nos deu gañarnos a súa confianza! Tanto é así, que ata o de agora non nos atreviamos a presentala en sociedade.
Witch entrou pola porta do refuxio absolutamente aterrada. Non quería saber nada de nós, era vernos de lonxe, e xa estaba a ensinar o dente. Aos poucos fómonos gañando o seu corazonciño roto, e a día de hoxe podemos dicir que é unha das cadelas máis cariñosas do refuxio enteiro. Iso si, con quen ela quere, que para iso é a máis lista e intelixente, porque sen dúbida, supera as capacidades cognitivas de moitos dos seus compañeiros. Witch entende todo o que lle dis, desde a A ata a Z, e dela é ben certo iso que se di dos cans de que “só lle falta falar”.
A día de hoxe Witch dános uns abrazos de escándalo, cómenos a bicos, séguenos ata o infinito e máis aló… agora ben, hai dúas cousas que ela non permite: tocar os seus xoguetes ou tocar a súa cama. Aí hai unha liña vermella que todos respectamos, e só podes pasar se mentres tanto a entretés cunha boa chuche XD
Como boa pinscher, Witch é unha moza de carácter forte. É cariñosa e sociable cos seus, cos amigos humanos e perrunos de sempre, pero cos que chegan novos, non o é tanto. Conquistala pode parecer misión imposible, pero nada máis lonxe da realidade, gañarse a esta moza que pisa forte é moito máis fácil do que parece! se lle dás a oportunidade, terás unha compañeira fiel e entregada para toda a vida.