Hai unhas semanas a tenda e clínica veterinaria Don Perro pechou as súas portas na Coruña tras 40 anos de actividade. Grazas á mediación dunha das nosas socias, os produtos que quedaron no establecemento sen vender foron doados a APADAN: sacos de penso, comida húmida de todo tipo, chuches, camas, transportines, produtos de hixiene e salón de peiteado canina, arneses, colares, correas, xoguetes, abrigos… un importante e xeneroso lote de produtos e artigos que axudarán moitísimo no coidado dos nosos cans.

Os apadanos xa están a gozar da maior parte destes donativos, pero aqueles artigos que non teñen uso no refuxio, poñeranse á venda en Vinted e en futuros mercadillos solidarios, co fin de recadar fondos que nos axuden a facer fronte aos gastos de veterinario, medicacións, mantemento de instalacións ou persoal.

Desde APADAN queremos dar as grazas a todas as persoas que fixeron posible esta doazón, moi especialmente a Susana polas xestións e por trasladar todo o material ao refuxio, e a tenda Don Perro por este xeneroso xesto. Somos unha gran familia!