O pasado sábado, 17 de febreiro, un grupo reducido de seis estudantes do Colexio Obradoiro da Coruña visitaron o refuxio dentro do programa de voluntariado que o centro organiza en colaboración con diferentes entidades e colectivos da comarca. Alí puideron coñecer de primeira man o traballo de APADAN e parte do equipo de voluntariado da asociación, que lles explicaron todas as tarefas que se desenvolven cada día no refuxio, e botaron unha man no coidado hixiénico-sanitario dalgúns cans.

A mañá foi moi motivadora para todos eles, tanto que un dos estudantes namorouse dunha das cadelas que viven no refuxio, volvendo ao día seguinte coa súa familia para ofrecerlle un fogar. Un flechazo en toda regra!

APADAN leva anos visitando todos aqueles centros educativos da comarca coruñesa que o demandan, co fin de presentar na aula o labor que desenvolve como protectora de animais. Polas características do traballo e a dificultade de xestión, as visitas ao refuxio soamente se realizan con grupos moi reducidos, xa que o acceso actualmente é moi complicado e o traballo é esixente.

Grazas rapaces pola vosa sensibilidade, foi un pracer recibirvos!