Fainos moi felices anunciar que un ano máis poderemos poñer fin á nosa campaña do Nadal co broche de ouro máis molón do mundo enteiro: O concerto Punk Para Perretes !

Trátase dun concerto benéfico a favor de APADAN promovido por un dos nosos máis queridos colaboradores, Davizón, que sempre consegue reunir ao mellor da música punk neste evento solidario, e que conta coa colaboración da Sala Mardi Gras, que quixo apoiar novamente este evento. Goza destes fabulosos concertos do Nadal colaborando ao mesmo tempo cos nosos peludos refuxiados!

As citas serán os días venres 23 e xoves 29 de decembro. Dous días de música punk en directo coas actuacións de 4 bandas diferentes cada día repartindo cera para os nosos amigos peludos. Garantímosvos moitísimo que merecerá a pena!

Xa están á venda as 100 primeiras entradas no Mahara Taberna por un mínimo de 10 €/día, o resto venderanse na porta da Mardi os días dos concertos.

Estamos realmente emocionados, e moi agradecidos, de que, un ano máis, todos os que participan queiran poñer o seu talento, a súa ilusión e traballo, ao servizo dos animais acollidos no noso refuxio. Non o podes perder!! Longa vida ao Punk Para Perretes!