A escritora Érica Esmorís, a través do seu último libro Quen salva un can, está levando varias historias de animais abandonados ou maltratados aos centros educativos de Galicia durante este curso 2019-2020. Para elo contou coa colaboración de APADAN e da Protectora de Animais e Prantas de Lugo, onde a autora buscou aos protagonistas da súa novela tras a súa publicación, co fin de que o alumnado fora consciente de que o abandono é un problema real e está cheo de historias nos refuxios de animais.

Para inspirar as presentacións que está a impartir nos colexios e institutos, Érica non só realizou fotografías e vídeos aos cans de APADAN. O destino fixo que se namorase dunha das cadelas do noso refuxio (Rina, agora Nina) e, xunto á súa familia, decidiu abrirlle as portas do seu fogar. Unha destas historias terminou así con final feliz!

Quen salva un can de Érica Esmorís (Xerais), é un libro de aventuras para nenos e nenas que trata de segundas oportunidades. E de cans! De todo tipo de cans. De cans queridos ou respectados, como Nona, a cadela do neno protagonista; e de cans que aínda non saben o que é o amor. Os cinco – catro cans e unha gata – teñen un pasado: Brutus Máximus é un pitbull adestrado para peleas; Matateu von der Lempertaler é un sabueso explotado ata a inservibilidade; Sete é un “chucho” que naceu sen raza e sen o ollo esquerdo… cans invisibles que só poden esperar a alguén que queira darlles unha segunda oportunidade.